Friday 03 de May de 2024

O Concello de Lousame adxudica por máis de 111.000 euros as obras de substitución da cuberta do polideportivo municipal


 

O Concello de Lousame vén de adxudicar á empresa Pavimentos Noia, Obras e Contratas SL por 111.804 euros (IVE incluído) as obras de substitución da cuberta do polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra”. Un contrato licitado o pasado mes de marzo cun prezo base de 112.115,96 euros (IVE incluído) a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.

As obras a acometer inclúen o levantado das chapas da cuberta, dos paneis traslúcidos, canalóns e remates do actual polideportivo, que serán substituídos por unha cuberta de paneis sándwich illantes de aceiro, de 80 mm de espesor e 1.150 mm de ancho, con acabado inferior microperforado con parafusería de aceiro inoxidable, combinado con pranchas de policarbonato celular de 16 mm de espesor. Tamén se colocarán canalóns cadrados de aluminio lacado, con baixantes das mesmas características, para evacuar as augas pluviais.

Ademais, aproveitaranse as obras para revisar, limpar e tratar a estrutura metálica cun tratamento de protección para elementos de aceiro. Un tratamento anticorrosivo que se aplicará aproveitando que a estrutura metálica quedará á vista unha vez retirada a cuberta actual. Con estas actuacións, o Concello de Lousame garantirá a estanqueidade da instalación, mellorará o confort térmico interior e logrará unha mellor acústica na instalación, ao mellorar o comportamento da cuberta ao ruído. As obras, que respectarán o aspecto estético e funcional da cuberta orixinal, teñen un prazo máximo de execución de 1 mes.